Monday 29 de April de 2024

O Concello de Lousame porá en marcha a campaña de sensibilización “Voces de Lousame contra a violencia de xénero”


A campaña foi presentada no marco da 13ª xuntanza da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte a Violencia de Xénero

O salón de plenos do Concello de Lousame acolleu a decimoterceira xuntanza da Mesa Local de Coordinación Institucional fronte a Violencia de Xénero, que estivo presidida por Teresa Villaverde Pais, alcaldesa de Lousame. Unha reunión na que se presentou a campaña “Voces de Lousame contra a violencia de xénero”, que se vai poñer en marcha para conmemorar o 25 de novembro.

Teresa Villaverde explica que “é unha actividade dirixida a sensibilizar á poboación xeral sobre a importancia da prevención da violencia de xénero”. Unha campaña convocada polo Concello de Lousame e financiada con cargo aos créditos recibidos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e do Ministerio de Igualdade. Así, durante este mes de novembro, as persoas que desexen participar deberán enviar frases en mostra do seu rexeitamento da violencia sobre as mulleres comezando coa lenda: “Eu quero que…” indicando as cousas que desexen que rematen, cambien ou melloren en relación ás situacións de violencia machista e a igualdade entre mulleres e homes.

Para participar é preciso que a persoa comparta esa frase nas súas redes sociais, acompañándoa do hagstag #EuQueroQue e etiquetando ao Concello de Lousame ben en Facebook (facebook.com/concello.delousame), Instagram (/somosLousame) ou Twitter (@SomosLousame). En caso de non dispoñer de Redes Sociais, pódese participar enviando as imaxes por whatsapp ao 689 126 385. Pódese participar de xeito individual ou grupal e o prazo para entregar frases remata o 25 de novembro. Ao finalizar a campaña sortearemos 2 vales para unha cea para dúas persoas (entre as persoas que participen de xeito individual) e 2 vales de material deportivo (entre os grupos).

Resto da reunión

A reunión estivo presidida pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde Pais, e nela participaron Pilar Cobas Cajuso, directora CPI Plurilingüe Cernadas de Castro; Ángela Mª Costa Santos, enfermeira Centro de Saúde de Lousame; e Mónica Castaño Ourille, técnica da Concellería de Igualdade. Todas elas interviron para actualizar a información sobre as actuacións levadas a cabo no municipio.

Así mesmo, a Mesa informou sobre o estado dos diferentes recursos de atención ás mulleres e promoción da igualdade que está a elaborar a Secretaría Xeral de Igualdade para o seu uso polas Mesas Locais e plantexou convidar a outros axentes sociais a participar na Mesa, así como a posibilidade de contar cun recurso de emerxencia para atender as necesidades de pernocta de mulleres vítimas en casos urxentes.